Sunday 05 de May de 2024

Avanzan as obras para a posta en valor da contorna da igrexa de San Martiño e do lugar de Cances da Vila


Nestes momentos está en contratación tamén un proxecto de pavimentación do rueiro interior do Vilar do Carballo (Oza)

O Concello de Carballo está a desenvolver nos últimos anos actuacións de posta en valor dos núcleos rurais tradicionais e das contornas das igrexas parroquias. Nesa liña, nestes momentos estase levando a cabo un proxecto de mellora do núcleo de Cances da Vila, que executa a empresa Conscyc2020SL cun orzamento superior aos 120.000 euros.

O alcalde, Evencio Ferrero, e os concelleiros de Mobilidade, Servizos e Participación Veciñal, Juan Seoane, Miguel Vales e Daniel Pérez, respectivamente, realizaron unha visita ao lugar, no que tiveron ocasión de recoller opinións da veciñanza sobre o cambio substancial que van significar estas obras.

Por unha banda está prevista a pavimentación con formigón das rúas de Cances da Vila nunha superficie de 3.850 metros cadrados, ao tempo que se aproveita para estender a rede de abastecemento de auga no núcleo de Cances da Vila nunha lonxitude de 600 metros.

Na contorna da igrexa de San Martiño crearanse novas franxas verdes con pavimento de lousa céspede nunha superficie de 250 metros cadrados, e na zona do acceso peonil á igrexa colocarse pavimento de adoquín nunha superficie de 75 metros cadrados.

Do mesmo xeito, actualmente está en contratación un proxecto similar para o núcleo do Vilar do Carballo, na parroquia de Oza, no que se pavimentarán con formigón un total de 6.500 metros cadrados de vías interiores, e ademais aproveitarase para completar a rede de saneamento municipal. O orzamento supera os 200.000 euros.

O Vilar do Carballo e Cances da Vila sumaranse, así, a unha rede cada vez máis ampla de núcleos rurais tradicionais onde estamos a aplicar a guía de boas prácticas editada polo Instituto de Estudos do Territorio da Consellería de Medio Ambiente, coa que se pretende racionalizar o crecemento dos núcleos rurais ofrecendo solucións e alternativas actuais que permitan potenciar o modelo tradicional de asentamento sustentable e respectuoso co medio. Os Vilares (Sísamo), Cances Grande, O Rodo (Oza), Vilar de Cidre (Razo), Castrillón (Lema), parte da Baixa de Entrecruces ou a contorna da igrexa de Rus, entre outros, son os exemplos que queremos seguir estendendo.